sábado, 12 de mayo de 2012

Relato: Pensamentos


Todo empezou cando falei con el. Máis ou menos tería a miña idade, pero víase tan pequeno, tan sinxelo cando se trataba que a min semellábame un neno ao que tiña que coidar, unha especie de irmán pequeno.
Sinaláranmo como a un aprendiz de tolo, pero eu non vía nel iso que me contaran e sentira ganas de falar con el, un pouco por pasatempo, un pouco por curiosidade. Así foi como empece a coñecelo mellor.
Era un mozo triste, non sei o que diría del outra persoa que o tratase coma eu. Sufría sempre a enfermidade da súa depresión, pero era aquela unha enfermidade para a que non había medicinas.
Quizais por aquel estado no que vivía presentaba aquel aspecto: ás veces recordaba a un vello enfermo, os osos parecían ocupar nos brazos maior espazo que a carne.
A veces penso que si estaba un pouco tolo. Cando falabamos eu intentaba dicir algo que o alegrase, pero case sempre acabamos falando serios, el coa mirada perdida, eu coa miña intentando atopar a súa, querendo saber o porqué da súa grandísima tristura.
Acórdome sorrindo dunha conversa que tivemos. Se unha persoa maior que nós se parase a escoitala, creo que aínda estaría rindo agora, divertida polas cousas que dicían aquel par de mequetrefes. Aqueles mequetrefes, que éramos nós, estaban poñendo verde á todos os protagonistas da historia: aos alemáns que por crerse unha raza superior mataron a millóns de xudeus; aos cruzados cristiáns que pasaron polo coitelo á xente que non quixo converterse á relixión que eles proclamaban verdadeira; á tódolos brancos que se erixiron a si mesmos amos e donos da liberdade e do destino dos negros... Tiñamos razón? Supoño, pero éramos moi novos e aínda non sabíamos, por dicilo dalgunha maneira, de que banda estabamos.
Coido que con el aprendín moito, adquirín esa experiencia que só algunha xente ten, a que provén das vivencias dos outros. Eu ata aquel momento fora unha soñadora, e el pareceu plantexarse a obrigación de abrirme os ollos, e de facerme ver que non era todo tan bonito. El levábao sabendo moito tempo, era orfo dende moi pequeno, os seus pais morreran nun accidente e el vivía coa súa avoa, unha vella que non lle podía dar a clase de cariño que el necesitaba. Quizais por iso foi un rapaz sempre pensativo, sumido na soidade que el mesmo parecía buscar, desexoso de non coñecer xa o que non tivera antes.
Un día, fai hoxe dous anos, que podía ser un día normal da vida de calquera rapaz, el aforcouse na súa habitación, autoconvencido, supoño, de que a súa vida era a máis baleira de todas.
Si, pode ser que estivera tolo, non con esa tolura do que cree que lle falan os animais, senón coa que el mesmo pareceu inventar para si, na que se refuxiaba e na que tan a gusto vivía…, con unha rara tolura que eu non acabo de comprender.